26/10/2019
***
A OUTRA GALICIA
Galicia, ou Galitzia (en alemán: Galizien, en polaco: Galicja, en ucraíno: Галичина Halychyna, en checo e eslovaco: Halič; en húngaro: Galícia / Kaliz / Gácsország / Halics; en romanés: Galiția / Halici; en ruso: Галиция / Галичина, Galitsiya / Galichina; en ruteno: Галичина, Halychyna; en yiddish: גאליציע Galitsie) é unha rexión histórica do leste de Europa que antigamente foi un pequeno principado e cuxo territorio na actualidade se divide entre Polonia e Ucraína.
Hai unha considerable superposición entre Galicia e o suroeste de Rutenia, especialmente referida a unha rexión transfronteiriza centrada no óblast de Zakarpattia, a rexión transcarpática da Ucraína actual, que está habitada por diversas nacionalidades, incluíndo a minoría rusina. Neste sentido moderno, Rutenia esténdese á Ucraína occidental, sueste de Polonia e Eslovaquia
Galicia foi, durante moitos séculos, unha rexión tapón, unha zona de paso e un cruzamento de culturas, entre o imperio dos Habsburgo e o Imperio ruso, entre a Igrexa católica e a Igrexa ortodoxa. Por iso, a rexión posúe unha rica historia multicultural, marcada durante séculos por, entre outros, os xudeus e os armenios.
O século XX foi o máis tráxico dos períodos da historia de Galicia, teatro dos enfrontamentos durante a primeira guerra mundial e vítima das atrocidades cometidas polos n***s na segunda.
O NOME DE GALICIA
O nome da rexión débese ao da antiga cidade medieval de Hálych, histórica cidade á beira do río Dniéster no oeste de Ucraína.
O nome Galicia foi mencionado por primeira vez en crónicas históricas húngaras do ano 1206, que se refería á rexión como Galiciæ.
A gralla cereixeira no escudo da rexión histórica de Galicia alude á cidade de Hálych. O nome ucraíno de Галич, Hálych, en ruso Галич, Galich, en polaco Halicz, en alemán Halytsch, en lituano Halyčas e Galic en latín, provén dos Khwalis ou Kaliz que ocuparon a rexión desde a época dos maxiares, que tamén foron chamados Khalisioi en grego e Khvalis (Хваліс) en ucraíno.
Algúns historiadores especularon que o nome tiña que ver cun grupo de persoas de orixe celta que podían estar cerca e que se relacionan con moitos topónimos similares de Europa e Asia menor, como a antiga Gallia ou os galos (a Francia moderna, Bélxica e Italia do norte, e os seus habitantes, respectivamente), Galacia (na Turquía moderna), Galicia, na península Ibérica e a romanesa Galați
Outros afirman que o nome ten orixe eslava, de halytsa (galitsa), que significa "un outeiro espido (sen bosques)", ou de halka (galka), que significa "gralla cereixeira". A gralla utilizouse no escudo da cidade e máis adiante tamén no escudo de Galicia.
Este nome, porén, é anterior ao uso dos escudos de armas, polo que pode ser unha etimoloxía popular.
XEOGRAFÍA
Antes da primeira guerra mundial, a rexión tiña unha superficie duns 78.000 km2, e pertencía ao Imperio austrohúngaro dos Habsburgo.
A Galicia oriental na Ucraína actual.: O territorio de Galicia abrangue as montañas máis setentrionais dos Cárpatos, entre eles o pico Hoverla, o cumio máis alto de Ucraína, con 2.060 m2 de altitude, e parte da cunca dos ríos Dnister, San e Bug Occidental
Para saber máis sobre a outra Galicia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Galicia_(Europa_Central)