17/06/2026
🌍 Hoxe, 17 de xuño, é o Día Mundial contra a Desertificación e a Seca.
Esta data, promovida pola ONU, busca concienciar sobre a importancia de protexer os solos e facer un uso sostible da auga, dous recursos esenciais para a vida.
🏜️ A desertificación, as secas cada vez máis frecuentes, os incendios forestais e a degradación dos ecosistemas son algúns dos grandes desafíos ambientais aos que nos enfrontamos.
🌱 Os solos sans axúdannos a conservar a biodiversidade, producir alimentos, almacenar auga e combater os efectos do cambio climático.
💧 Dende a OMA queremos lembrar que pequenos xestos como aforrar auga, coidar os bosques ou consumir de forma responsable contribúen a protexer o noso territorio e o noso futuro.
16/06/2026
🌍 Hoxe, 16 de xuño, celebramos o Día Mundial das Tartarugas Mariñas.
🐢 Estes réptiles mariños forman parte dos ecosistemas oceánicos desde hai millóns de anos e desempeñan funcións ecolóxicas importantes no mantemento do equilibrio mariño.
🌊 A súa presenza contribúe á conservación de hábitats como pradarías mariñas e arrecifes, fundamentais para numerosas especies.
⚠️ Porén, a contaminación dos océanos, a captura accidental, a degradación das zonas costeiras e os afectos do cambio climático continúan a representar ameazas importantes para a súa supervivencia.
🤝 A protección dos ecosistemas mariños, a redución dos residuos e o apoio á investigación e conservación son fundamentais para garantir o futuro destas especies.
15/06/2026
Coñeces as consecuencias de danar a flora silvestre?
O Campus de Vigo acolle diversas especies de flora silvestre de gran valor ecolóxico, entre elas as orquídeas, que forman parte do noso patrimonio natural e están protexidas pola lexislación vixente. Respectalas non é só unha cuestión de conservación, senón tamén unha obriga legal.
🚫 Arrincar, danar ou destruír exemplares de flora silvestre sen autorización pode supoñer sancións económicas importantes.
📖 Segundo a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, as multas por danar especies silvestres poden comezar nos 600 € para infraccións leves e alcanzar os 100.000 € ou máis nos casos de maior gravidade.
🌸 No noso campus podemos atopar especies de gran valor, como Serapias lingua, Serapias cordigera e as escasas Dactylorhiza maculata e Dactylorhiza elata, das que existen moi poucos exemplares.
📸 Admíraas, fotográfaas e desfruta delas. Non as pises, non as arrinques e axuda a conservar a biodiversidade do Campus de Vigo.
Protexer a natureza é responsabilidade de todas e todos!
24/05/2026
🌿 Hoxe, 24 de maio, celebramos o Día Europeo dos Parques Naturais.
🌍 Estes espazos protexidos representan áreas de alto valor ecolóxico, onde a conservación da natureza convive co uso sostible dos recursos.
🐦 Neles mantéñense procesos naturais esenciais e unha gran diversidade de especies, contribuíndo ao equilibrio ambiental e á preservación do patrimonio natural.
⚠️ Porén, factores como o cambio climático ou a presión das actividades humanas supoñen retos importantes para a súa conservación a longo prazo.
🤝 A súa protección require planificación, xestión baseada no coñecemento científico e unha actitude responsable por parte da sociedade.
22/05/2026
📆 Hoxe, 22 de maio, é o Día Internacional da Diversidade Biolóxica.
🌿A biodiversidade engloba todos os seres vivos e os ecosistemas onde viven. Dela dependen o equilibrio da natureza, os alimentos que consumimos, a auga que bebemos e mesmo o clima do planeta.
⚠️ Malia a súa importancia, está en risco: o cambio climático, a contaminación, a destrución dos hábitats e as especies invasoras están a provocar unha perda acelerada de biodiversidade.
📍 En Galicia contamos cun patrimonio natural único, con rías, bosques, ríos e montes que albergan unha gran variedade de especies.
🌱 Coidar da biodiversidade está nas nosas mans: reducir o noso impacto, respectar a natureza e consumir de forma responsable son pequenos xestos que marcan a diferenza.
21/05/2026
🌿 Hoxe, 21 de maio, celebramos o Día Europeo da Rede Natura 2000.
🌍 Unha data para poñer en valor a maior rede de espazos naturais protexidos de Europa, creada para conservar a biodiversidade e garantir o equilibrio entre a natureza e as actividades humanas.
📍 En Galicia, máis do 12 % do territorio forma parte desta rede, incluíndo rías, montes, ríos e zonas costeiras de gran valor ecolóxico.
⚠️ Estes espazos enfróntanse a importantes retos como a perda de biodiversidade, o cambio climático ou a presión humana sobre os ecosistemas.
🤲🏼 Coidar da natureza tamén está nas nosas mans.
17/05/2026
♻️ Sabedes que hoxe, 17 de maio, ademais de celebrarse o Día das Letras Galegas tamén se celebra o Día Mundial da Reciclaxe?
📅 Unha data para lembrar que os residuos non son só lixo, senón recursos que poden ter unha segunda vida se os xestionamos correctamente.
🏡En Galicia xeramos unha gran cantidade de residuos cada ano, e moitos deles poderían reciclarse se facemos unha boa separación no fogar.
🗑️Pequenos xestos como reducir o consumo, reutilizar materiais ou reciclar correctamente poden marcar unha gran diferenza.
🌍 Coidar o planeta está nas nosas mans.
14/05/2026
📅 Durante as pasadas semanas, revisamos e actuamos sobre os principais focos de Persicaria capitata ó longo do campus. Actividades enmarcadas dentro dos labores de acción contra especies invasoras da OMA.
🌸 A Persicaria capitata é unha herbácea rastreira, que se caracteriza polas súas inflorescencias de cor rosada en forma de boliñas e polas súas follas verdoso-encarnadas cunha mancha escura en forma de “V”. É moi resistente, medra en zonas pouco accesibles como gretas de muros e beirarrúas. Foi principalmente propagada polo medio natural debido á fuga dende xardíns e zonas urbanas, onde se emprega con fins ornamentais.
⚠️ No campus, aínda que o lugar de maior concentración é a contorna da Escola de Telecomunicacións, medra noutras zonas debido a súa gran capacidade de expansión e desprazamento doutras especies.
Os labores de erradicación da Persicaria no campus lévanse realizando dende hai uns 10 anos, o que demostra a dificultade de control desta invasora.
12/05/2026
📅 Onte, día 11 de maio, recibimos ás rapazas e rapaces dos cursos 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Politécnico de Vigo. Realizamos parte dos itinerarios de Cima e de Fondo, no Campus de Vigo.
🥾 Durante as 2 horas e media aproximadamente de visita, percorremos sendeiros naturais do campus, visitando as principais paradas das zonas da Lagoa de Filoloxía, o Estanque de Deportes e a Lagoa de Ciencias.
👩🏽🏫 Explicámoslle ao alumnado os principais labores que realizamos dende a OMA, e cales son as nosas bases fundamentais á hora de xestionar o medio ambiente na contorna da Universidade. Así como as principais claves que se deben seguir nas saídas pola natureza para respectala e causar as mínimas alteracións posibles.
🌳 Ao longo de toda a andaina, puidemos ver e explicar as principais especies de flora presentes no Campus, e falamos tamén do perigo das especies invasoras, tanto de flora como de fauna.
🌧️ Malia que a meteoroloxía non acompañou, a xornada valeu para concienciar as novas xeracións sobre o coidado e a importancia das zonas naturais así como para ensinarlles o valor do autóctono. Entre todos e todas, aprendemos xuntos e pasamos unha mañá diferente.
👀 Para máis información sobre os itinerarios: https://oma.webs.uvigo.es/EducacionAmbiental/ProgramasEducativos.php
09/05/2026
🌍 Hoxe, 9 de maio, celebramos o Día Internacional das Aves.
🐦 Estes vertebrados están amplamente distribuídos e participan en múltiples procesos naturais que contribúen ao equilibrio dos ecosistemas.
🌱 A súa diversidade e abundancia ofrecen información valiosa sobre o estado do medio natural e a evolución dos hábitats.
⚠️ Nas últimas décadas, diversas presións ambientais están a afectar negativamente a moitas poboacións, reflectindo cambios significativos nos ecosistemas.
🤝 Avanzar na súa conservación implica preservar os espazos naturais, mellorar a xestión do territorio e fomentar o coñecemento científico.