09/04/2025
Compartimos con inmenso pesar a noticia do pasamento do noso queridísimo Benito Buide del Real. A memoria de todo o que deixa feito é dificilmente esquecible, tanto na música e coma na educación musical. Algúns coñeceriádelo polo mundo dos coros, outros polo das orquestras, cuarteto de corta ou mesmo algún grupo folk. Haberá quen topase con el nalgún curso do seu método de percusión corporal Takedinorum, e quen tivese a sorte de coñecelo traballando e regalando as súas marabillosas ideas aquí, en Asomúsica, ou compartindo espazo de traballo no instituto... Tantas e tantas facetas nas que amosou o seu espírito curioso e inquedo! Quen tivemos o privilexio de ver fluír semellante caudal de intelixencia nun carácter tan afable, con esa calidade humana e fondura de espírito que poucas veces se atopa, estamos neste momento consternadas e aferrándonos ó recordo do tempo compartido con el.
Dos seus primeiros anos de enfermidade saíron libros, novas aprendizaxes e investigacións, sempre ideas en movemento que demostraron aínda máis a dimensión da súa persoa. Nunca vimos que o abandonasen o humor e a xenerosidade. Nunca o vimos perder a calma ou fallárenlle as formas. Nunca mirou para outro lado cando sentía que algo ou alguén requería a súa axuda. Incluso cando xa apenas tiña tempo para nada máis – a súa filla, a saúde, o instituto, os seus cursos, o coro… – aínda tiña tempo para falar con calma e a fondo do que fixera falta.
Benito, botámoste de menos. Querémoste e agradecémosche tanto…! Agora dóenos a dúbida de se realmente cho soubemos dicir tanto como o sentimos. Esperamos que dalgún xeito te sentiras sempre correspondido e valorado por todas e todos nós. Case estamos escoitando o chiste cheo de chispa que como resposta seguro nos adicarías neste instante…
Querido amigo, que a música que tanto amaches te acompañe sempre!
Ten por seguro que non te olvidaremos xamais.