07/04/2026
Hoxe compartimos este pequeno proxecto desenvolto este ano pasado na Portela, en Redondela.
A renovación dos contidos dun panel interpretativo que se atopaba moi deteriorado.
A proposta partiu da revisión e actualización dos textos e da súa reorganización nun novo deseño, co obxectivo de mellorar a lectura e poñer en valor a riqueza histórica deste lugar: a antiga fábrica de salga, o apostadeiro marítimo, o peirao dos carabineiros e o papel da Portela como espazo ligado á actividade portuaria e mariñeira da ría.
Un traballo de síntese, interpretación e divulgación patrimonial pensado para facer máis accesible a historia do lugar a veciñas, veciños e visitante
27/03/2026
Hoxe queremos compartir outro dos traballos nos que estivemos inmersos nos últimos meses: Entroido na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês–Xurés (RBTGX). Un patrimonio a preservar.
Trátase dun proxecto desenvolto para a Deputación de Ourense co obxectivo de documentar, divulgar e valorizar os entroidos rurais tradicionais que se celebran na actualidade en diferentes localidades galegas e portuguesas da Reserva, ao tempo que se contribuíu á preservación da memoria social destas celebracións no pasado recente.
O traballo abordouse desde unha perspectiva propia da antropoloxía social, combinando revisión bibliográfica e documental, traballo de campo durante os entroidos e entrevistas etnográficas a participantes, organizadores e outras persoas vinculadas a estas prácticas festivas.
De maneira complementaria, realizáronse máis de trinta entrevistas a persoas maiores centradas nas súas vivencias e lembranzas do entroido, co fin de contribuír á salvagarda de saberes, experiencias e significados en proceso de desaparición.
Como resultado deste proceso elaborouse unha publicación en formato libro e unha serie de vídeos de entrevistas, reforzando así a dimensión documental e divulgativa do proxecto.
Un traballo arredor do patrimonio cultural inmaterial, a memoria e a identidade dun territorio de enorme riqueza.
Queremos agradecer de maneira moi especial a todas as persoas que nos axudaron ao longo do proceso, abríndonos as portas, compartindo o seu tempo, os seus recordos e os seus coñecementos. Sen esa xenerosidade, este traballo non sería posible.
24/03/2026
Como se transformaba a pedra en ferro hai máis de dous mil anos?
Estes días inaugurouse no Museo do Castro de Viladonga a exposición “A siderurxia no Castro de Viladonga. Unha achega dende a antigüidade”, centrada nos procesos produtivos do ferro na Idade do Ferro.
Desde NOSO realizamos o vídeo divulgativo “Da pedra ao ferro” e a reportaxe fotográfica da xornada experimental de redución de ferro celebrada en decembro de 2024 no castro, na que durante dous días se recreou o proceso completo: desde o tostado do mineral ata a redución en forno e a obtención do ferro.
Un traballo que documenta e achega ao público, dende a práctica, coñecementos técnicos fundamentais para comprender a produción do ferro na antigüidade.
Podes ver o vídeo no link ou achegarte polo museo!
https://www.youtube.com/watch?v=ETZDpLGj7eM
20/03/2026
Bo día! Como estades?
Nós moi contentos de comunicarvos que hoxe estreamos nova imaxe de marca!
Con esta renovación buscamos expresar mellor o que somos e como traballamos: unha cooperativa que entende a cultura e o territorio como espazos que se constrúen en común.
A nova identidade céntrase na palabra NOSO, como idea de pertenza, responsabilidade compartida e continuidade. Unha marca máis limpa, clara e directa, pensada para reforzar aquilo que nos define e acompañar unha nova etapa.
Seguimos facendo o mesmo que nos move dende o principio: impulsar proxectos con compromiso co territorio, co patrimonio e coa cultura.
Grazas por acompañarnos neste camiño!