28/09/2026
Presentación de "Alfredo Vicenti. Vida e obra dun gran xornalista"
O vindeiro mércores día 30, ás 10 horas, na Aula 3, a Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá a presentación da reedición de "Alfredo Vicenti. Vida e obra dun gran periodista", obra de Baldomero Cores Trasmonte, sociólogo, xornalista, profesor universitario e autor dunha extensa produción dedicada á historia, á comunicación e á realidade social e política de Galicia.
Desde a Biblioteca queremos lembrar especialmente a figura de Baldomero Cores Trasmonte, un usuario moi querido e especial para nós. O seu carácter afable, a súa conversa sempre xenerosa e a súa inmensa curiosidade intelectual converteron cada encontro nunha oportunidade para aprender. Das súas palabras levabamos sempre algo novo sobre Galicia, sobre as persoas que construíron a súa historia e tamén sobre Porto Rico, onde exerceu como catedrático de Socioloxía durante anos.
Polo agarimo que lle profesabamos, e polo afecto que el sempre mostrou cara á nosa biblioteca universitaria, poderiamos dicir que forma parte dos nosos usuarios "ad honorem", desas persoas que deixan unha pegada que vai máis alá dos préstamos e das consultas e que acaban formando parte da memoria viva da institución.
Convidámosvos a achegarvos a esta presentación, unha excelente oportunidade para coñecer mellor a figura dun gran xornalista como Alfredo Vicenti e, ao mesmo tempo, unha porta de entrada á obra e ao pensamento de Baldomero Cores Trasmonte. Os seus libros, escritos desde a proximidade ao país e ás súas xentes, continúan a falarnos dun mundo que xa non existe. O seu legado é de grande valor e iso non o deberiamos esquecer.