18/08/2026
Os cadernos de campo do ProxectoTERRA son moito máis ca un material para utilizar durante unha visita. Son unha ferramenta para observar, comprender e ler o territorio, achegándose á arquitectura, á paisaxe e aos espazos que habitamos e descubrindo as relacións entre o construído e a natureza, entre o pasado e o presente e entre os lugares e as persoas que os habitan.
O debuxo e a ilustración axudan tamén a fixar a mirada nos detalles, comprender a escala e identificar aquilo que é esencial en cada espazo.
O seu uso abrangue todo o proceso educativo: permite preparar a actividade, acompañar a experiencia no territorio e continuar o traballo na aula despois da visita.
Os cadernos de campo creáronse de forma experimental durante o curso 2025/2026 e están xa dispoñibles para a súa descarga directa na páxina web do ProxectoTERRA, como recurso aberto para centros e docentes.