03/06/2026
Na Agenda de eventos da Universidade de Santiago de Compostela aparece noticiada a "Presentación de resultados da Rede Galabra sobre habitantes, comerciantes e visitantes de Santiago de Compostela" que vai acontecer na tarde desta quarta-feira 3 de junho de 2026... e para a qual está toda a gente convidada!!
https://www.usc.gal/gl/xornal/eventos/presentacion-resultados-rede-galabra-habitantes-comerciantes-visitantes-santiago-compostela
Este é o texto com que se dá a conhecer o evento:
"Investigadoras da USC e da UVigo pertencentes á Rede Galabra presentan este mércores 3, ás 19.15 horas no auditorio do Museo do Pobo Galego, os resultados dos traballos que veñen desenvolvendo sobre o perfil do turista desexado pola comunidade local e o comercio, en sentido amplo e en contraste coas expectativas e actitudes dos visitantes.
Trátase de abordar os efectos culturais e identitarios do turismo en Compostela e a conexión das narrativas relativas a Santiago coas prácticas e os consumos declarados polas persoas que visitan a cidade. Colocando o foco na visión da poboación local -tanto habitantes como comerciantes- en relación aos diversos impactos da actividade turística, pártese do conxunto de respostas colectado no traballo de campo realizado en 2023.
No encontro ‘Pulsar o corazón da (nosa) cidade: o turismo desexado’ procúrase atender, a partir do enorme banco reunido mediante a aplicación de moi extensos cuestionarios (con respostas de 914 habitantes, 444 comerciantes e 1948 visitantes), a preguntas como “que esperan -ou non queren- as persoas compostelás das visitantes?”, “que desexan as persoas visitantes en relación á comunidade local?” ou “cales son, para o comercio local, as clientes preferidas?”. Trátase de abandonar as suposicións ou afastar falsos mitos e, con apoio en datos robustos, facer unha aproximación ás interaccións reais entre espazo habitado, tecido económico e demanda externa en Santiago de Compostela.
Así, a exposición de algúns dos resultados das investigacións vai contribuír para a reflexión e o debate de actualidade sobre o modelo turístico e os impactos na comunidade local, no cadro do compromiso social investigador de Galabra e en modo de transferencia do coñecemento xerado á sociedade interesada e afectada pola pesquisa.
O encontro, organizado polas asociacións veciñais compostelás Fonseca, da Zona Vella, e A Xuntanza, de San Pedro, xorde como resultado da cooperación e traballo conxunto que a Rede Galabra mantén con estas entidades e na secuencia de diversas actividades que a Rede vén desenvolvendo xunto da comunidade local e con ela."