19/08/2026
𝗖𝗔𝗠𝗣𝗨𝗦 𝗗𝗘 𝗥𝗢𝗕𝗢́𝗧𝗜𝗖𝗔 𝗣𝗔𝗥𝗔 𝗡𝗘𝗡𝗢𝗦 𝗘 𝗡𝗘𝗡𝗔𝗦 𝗡𝗔 𝗔𝗨𝗟𝗔 𝗖𝗘𝗠𝗜𝗧
RTMQ. Quiroga acollerá do 1 ao 7 de setembro un Campus de Robótica deseñado especificamente para fomentar a creatividade e o interese pola tecnoloxía entre a mocidade. A iniciativa, concibida baixo o lema "Clases de Robótica para Pequenos Inventores Creativos", está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.
As sesións terán lugar na Aula Cemit, situada na Casa da Cultura , e darán comezo diariamente a partir das 10:00 horas. Trátase duna oportunidade formativa e de lecer que busca achegar o mundo da programación e a robótica aos máis novos dun xeito práctico e dinámico.
As persoas interesadas en participar xa poden formalizar a súa inscrición directamente na Casa da Cultura xa que as prazas son limitadas. O campus conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co impulso do Concello de Quiroga .