11/10/2025
🐇 🐕 [ De orixe indoeuropea, posiblemente sexa unha das razas máis antigas da Península Ibérica, traída probablemente polos pobos precélticos atlánticos e os celtas, xunto co resto das invasións nórdicas e xermánicas (suevos, bretóns/britanos, visigodos e normandos); debido ás súas grandes semellanzas e orixe común, probablemente estea emparentado co Västgötaspets sueco ou Can dos Visigodos, así como tamén cos Corgi Galeses, Cardigan e Pembroke.
Neste sentido, hai que sinalar que xa en tempos precélticos, na Idade de Bronce, os Oestrimnios mantiñan relacións marítimas comerciais con Irlanda, oeste de Inglaterra (Britannia), Bretaña (Armórica), Países Baixos e Dinamarca.
Era a vella ruta megalítica; coa explotación do estaño dos montes e o ouro dos ríos, estableceuse un comercio no que se exportaba estaño, cobre, ouro, prata, peles e cerámica. Así, pezas da metalurxia galega (armas, obxectos utilitarios, xoiaría de ouro e bronce) foron atopadas en toda a costa atlántica.
En relación con este tipo de cans, os celtas da zona do País de Gales e Cornualles (britanos) utilizábanos para a cacería e apreciaban moito os seus dotes de intelixencia e vixilancia, polo que o admitían nas súas casas e confiábanlle a custodia dos seus nenos.
A súa orixe esténdese por toda a área noroccidental da Península Ibérica, en montañas de 600 m a 800 m sobre o nivel do mar, en zonas de monte con espesa vexetación arbustiva do tipo toxo, urce, carrasca, carpaza, codesos ou xesta, que conforman un monte baixo, moi pechado, quebrado e arborado.
Actualmente, distribúese fundamentalmente por todas as zonas de coello de monte de Galicia, nas provincias de Pontevedra (Silleda, Lalín, Rodeiro, Dozón e Agolada, entre outros), Ourense (Oímbra, Verín ou A Mezquita), atopándose tamén de xeito esporádico algúns exemplares pola zona centro das provincias de Lugo e da Coruña.
Os bos exemplares en pureza non abundan, sendo moi solicitados e requiridos polos cazadores, polo que, dadas as súas características como cazador e o solicitado que está, quen posúe un bo exemplar non adoita prodigarse en estender os seus descendentes, polo desexo de dispoñer dos mellores cans de caza da zona.
Can de caza, principalmente do coello. Dotado dunha gran coraxe polo que tamén persegue o raposo. Pode ser empregado tamén para a detección do xabaril.]