10/09/2026
📅 O pasado 3 de setembro, a Cátedra Institucional de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela organizou na Casa do Saber unha mesa-coloquio para reflexionar sobre a traxectoria do Arde Lvcvs e os retos que debe afrontar nos vindeiros anos, coincidindo co 25 aniversario da festa.
O encontro, moderado polo profesor Gonzalo Francisco Fernández Suárez, director da Cátedra e decano da Facultade de Humanidades, contou coa participación de representantes de diferentes asociacións culturais vinculadas ao Arde Lvcvs, así como coa presenza de autoridades, membros da Real Academia Galega de Belas Artes, representantes de distintos centros universitarios e público en xeral 👥.
Ao longo do coloquio puxéronse sobre a mesa algunhas cuestións clave:
👉 O papel fundamental das asociacións culturais, cunha implicación moi elevada nunha festa que forma parte da súa propia identidade e actividade. Algunhas delas, ademais, naceron para dar visibilidade ao papel das mulleres.
👉 A necesidade de reforzar a dimensión cultural do Arde Lvcvs, con máis recursos económicos, espazos propios e unha programación cultural máis ampla e prolongada no tempo.
👉🏻 O reto de conseguir unha maior implicación da sociedade lucense e das novas xeracións, fundamental para garantir o relevo e a continuidade da festa declarada de Interese Turístico Internacional.
👉 A importancia das redes de colaboración que as asociacións lucenses xa manteñen con colectivos similares a nivel nacional e internacional.
👉🏻 A importancia dunha maior colaboración das institucións locais para seguir fortalecendo o Arde Lvcvs.
25 anos despois do seu nacemento, o Arde Lvcvs conta cunha comunidade asociativa fortemente implicada. Agora, o debate continúa: como queremos que sexa o Arde Lvcvs dos próximos 25 anos? 🤔.
Unha reflexión necesaria para seguir construíndo o futuro da festa desde a cultura, a participación e a colaboración 🏛️.
ℹ Esta actividade é unha iniciativa da Cátedra Institucional de Xestión Cultural da USC, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.