01/10/2026
🌿𝙊𝙧𝙞𝙭𝙚: 𝙪𝙣𝙝𝙖 𝙨𝙚𝙡𝙚𝙘𝙘𝙞ó𝙣 (𝙣𝙖𝙩𝙪𝙧𝙖𝙡) 𝙙𝙚 𝙤𝙗𝙧𝙖𝙨 𝙨𝙤𝙗𝙧𝙚 𝙖 𝙫𝙞𝙙𝙖, 𝙖 𝙚𝙫𝙤𝙡𝙪𝙘𝙞ó𝙣 𝙚 𝙖 𝙙𝙞𝙫𝙚𝙧𝙨𝙞𝙙𝙖𝙙𝙚🌿
As bibliotecas do Campus de Lugo presentan dous centros de interese complementarios arredor da evolución das especies e da historia das ciencias naturais. A iniciativa ofrece unha selección de obras que permite achegarse a unha das teorías científicas máis influentes da historia moderna e ao seu impacto no desenvolvemento das ciencias naturais.
A Biblioteca Intercentros reúne unha selección de cincuenta títulos procedentes fundamentalmente dos seus propios fondos, escollidos para amosar a riqueza, a actualidade e o carácter multidisciplinar desta temática. A mostra combina obras clásicas e publicacións recentes, manuais de referencia, bibliografía recomendada en titulacións actuais da USC e libros en diferentes linguas, ofrecendo unha visión ampla e diversa do pensamento evolucionista.
Pola súa banda, a Biblioteca de Formación do Profesorado participa nesta proposta común cun centro de interese propio, co que contribúe a ampliar a difusión dos contidos relacionados coa exposición e a achegar esta temática aos distintos perfís da comunidade universitaria.
O percorrido bibliográfico abrangue materias como a teoría da evolución, a selección natural, a biodiversidade, a bioxeografía, a ecoloxía, a historia das ideas evolucionistas, a historia natural e dos naturalistas, a representación e ilustración científica ou a reflexión filosófica sobre o impacto da evolución na sociedade e na cultura.
Ambas as mostras forman parte do programa de actividades vinculado á exposición' Wallace e a orixe das especies', dedicada á figura de Alfred Russel Wallace, naturalista, explorador e codescubridor, xunto con Charles Darwin, da teoría da evolución por selección natural. A exposición, producida polo Museo Nacional de Ciencias Naturais (CSIC) e adaptada para Lugo pola Universidade de Santiago de Compostela a través do Campus Terra USC , combina divulgación e rigor científico para achegar ao público a vida e o legado dunha das figuras fundamentais da historia da ciencia.
🌿Data e hora: 1 – 31 outubro | 08:30 – 21:30 h.
🌿Localización: vestíbulo da Biblioteca Intercentros e na entrada da Sala de Lectura da Biblioteca de Formación do Profesorado.