27/07/2026
O mes pasado, ao tempo que conmemorabamos o Orgullo LGBTIQA+, pechabamos tamén unha nova edición da formación que desenvolvemos para a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) sobre delitos de odio por orientación sexual e identidade de xénero.
Dende Rexenerando pensamos que construír administracións públicas máis comprometidas cos dereitos das persoas LGBTIQA+ tamén pasa por crear espazos dende os que parar e revisar as nosas prácticas. Así, ao longo destas sesións presentamos o marco normativo, aclaramos conceptos que con frecuencia se empregan de maneira imprecisa, analizamos como se manifestan as diferentes formas da violencia lgbtifóbica e compartimos ferramentas concretas para a súa prevención, detección e intervención.
Facémolo dende unha idea que para nós é fundamental: a resposta fronte ás violencias non comeza unicamente cando falamos de delitos de odio. Comeza moito antes, na capacidade de identificar as discriminacións cotiás, de non normalizar os discursos que exclúen e de actuar de maneira corresponsable dende cada posto de traballo.
Nun contexto no que o último informe Estado do Odio 2026 da FELGTBI+ alerta de que o 54 % das persoas LGBTIQ+ afirma ter sufrido algunha situación de odio, xa sexa no espazo físico ou nas contornas dixitais, e no que os centros de traballo continúan sendo un dos principais escenarios destas violencias, seguir formando ás persoas que sosteñen os servizos públicos é máis necesario ca nunca. Porque a garantía efectiva de dereitos tamén se constrúe dende a capacidade das institucións para recoñecer, previr e responder ás diferentes manifestacións da lgbtifobia.
Moitas grazas á EGAP e, sobre todo, ás persoas participantes, pola implicación e as ganas de seguir facendo das nosas institucións espazos máis xustos, máis seguros e máis respectuosos para todas as persoas.
Seguimos. 🌈