29/05/2026
🎒✨ Preparando novos comezos
Dentro do noso Plan de Orientación Académica, acompañamos ao alumnado nos cambios de etapa, axudándolles a mirar ao futuro con información, seguridade e confianza.
O alumnado de 6º de Primaria visitou hoxe o IES de adscrición, Lamas de Castelo, como peche a varias semanas de traballo nas que coñecemos mellor a estrutura do sistema educativo, reflexionamos sobre como afrontar con éxito a vindeira etapa e demos os primeiros pasos para descubrir os distintos itinerarios formativos e profesionais, identificando camiños vinculados aos seus intereses e inquietudes.
Queremos agradecer a magnífica acollida por parte do IES. Fomos recibidos polo equipo de convivencia, a orientadora, a coordinadora de benestar e o alumnado do equipo de mediación (Equipo A).
A visita comezou cunha dinámica de círculo na que puideron expresar ilusións, medos e inquedanzas ante esta nova etapa. Despois, representantes de 4º da ESO fixeron unha presentación do centro e fomos acompañados nun percorrido guiado por unhas instalacións cheas de vida e actividade.
Houbo tamén tempo para desfrutar dunha merenda saudable e saborosa na cafetería, antes de rematar cun espazo máis libre de interacción e convivencia co alumnado do instituto no patio 💛
Pola súa banda, o alumnado de 6º de Infantil achegouse ás aulas de Primaria para asomarse ao que está por vir. Visitaron as aulas de 1º, 5º e 6º, coñecendo de preto novos espazos, horarios, dinámicas e formas de traballo.
Os nenos e nenas de 6º de EP convertéronse en magníficos anfitrións, compartindo mesa cos máis pequenos para ensinarlles de primeira man os seus materiais, arquivadores e traballos de aula.
Pequenos pasos para facer máis amables e ilusionantes os grandes cambios.