20/06/2025
Hoxe tócame escribir unha das mensaxes máis difíciles da miña vida: a despedida da Escoliña. Este proxecto que, durante dez anos, foi moito máis ca unha academia. Foi, sen dúbida, parte de min.
Cando abrín as portas por primeira vez, levaba comigo unha idea clara e un soño inmenso: cambiar a forma de entender as clases particulares e facelas accesibles para todas as familias, fosen cales fosen as súas circunstancias sociais e persoais. Quería crear un espazo onde cada neno e cada nena fosen escoitados desde a súa realidade, cun trato humano, próximo, honesto. Un lugar onde a prioridade non fosen as notas, senón o benestar emocional, a autoestima, a motivación, o control das emocións e a capacidade de levantarse tras cada caída.
Sempre defendín que aprender tamén é errar. Ou dito doutra maneira, o erro é a condición para que unha aprendizaxe sexa significativa. E que os erros, os medos e as inseguridades non son debilidades, senón parte da aprendizaxe da vida. Dende a Escoliña intentamos acompañar ese proceso sen receitas máxicas nin promesas baleiras, pero si con constancia, empatía e moita humanidade. Porque moitas veces o que bloquea non é a falta de coñecementos, senón as feridas invisibles, os medos silenciosos, as preocupacións que cada quen leva dentro sen decatarnos.
Non sempre foi doado, ou case nunca o foi. Houbo momentos de incomprensión, de desacordo, de esgotamento memtal. Entendo que as familias quixesen resultados inmediatos: falamos do futuro das súas crianzas. Pero eu sempre fun fiel aos meus principios e á miña forma de entender a educación. Con humildade, honestidade e unha confianza fonda en que cada decisión tomada foi sempre pensando no ben de cada alumno e alumna. Os nenos e nenas non son números, os nenos e as nenas non se valoran por unha nota, a súa valía non de mide do 1 ao 10, os nenos e nenas non se comparan con siglas baleiras de fondo nin tampouco se comparan con ninguén. A educación dos nenos e das nenas non é unha competencia de quen é o ou a mellor da clase, do curso ou do instituto. As notas, a excelencia non serve de nada; que só busca iso está buscando a mediocridade do recoñecemento dos demais e a superioridade sobre outros.
Por isto, nestes dez anos vin o mellor e o peor da educación e das persoas. Pero estes últimos dous foron especialmente duros. A vida puxo diante de min unha dor que non sabía que se podía sentir, un exame difícil de preparar e duro de superar. Marcharon as dúas estrelas que daban sentido ao meu mundo e ao meu ser. A súa ausencia deixoume sen folgos e sen esa capacidade que tiña para reaccionar ante as adversidades. E entendín que agora tocaba parar, respirar e, por primeira vez en moito tempo, deixar de coidar aos demais e coidar de min. Sei que pode parecer egoísta ou narcisista pero neste intre é, simplemente, sobrevivencia emocional.
Foron dez anos de aprendizaxe profunda. De choros e risas, de ilusións compartidas, de medos vencidos da man. Ver medrar ao alumnado, acompañar as súas etapas, ver como superaban os seus propios límites e dar pasiños pequenos pero seguros e é algo que non se pode pagar con nada.
Houbo días escuros. Días nos que chorei no silencio da Escoliña, preguntándome se valía a pena invertir o tempo -tan valioso hoxe en día- polos demais. Días de frustración, de noites sen durmir, de buscar solucións onde parecía que non había. Pero hoxe sei que todo valeu a pena. Porque aquí construímos algo verdadeiro. Porque aprendemos xuntos a ser e a estar. Porque falamos de vida, e só desde o coidado emocional se pode avanzar academicamente.
Levo comigo cada ollada cómplice, cada sorriso conquistado e cada conexión especial. Cada mirada que reflectía medo e inseguridade e sempre souben ver, comprender e acompañar. Cada “non podo” convertido en “conseguino”. Cada “non son capaz” en “fíxeno”. Cada “non sei” en “non era tan difícil”. Cada desacougo escoitado, sen xulgar, sempre deixando desafogárense e escoitando. Cada paso, cada esforzo, cada logro compartido quedará para sempre no meu corazón. Porque cada neno e cada nena, cada nome, que pasou pola Escoliña deixou unha pegada fonda en min. E todo o que doeu, pagou a pena.
Grazas, de corazón, a todas as familias que confiastes en min para algo tan importante como é a educación dos vosos fillos e fillas. Especialmente ás primeiras familias -veciñas e veciños-, que apostaron por min cando o que sabía era pouco pero as intencións e ganas moitas. O cariño que vos teño é inmenso é especial e inesquecible, xa o sabedes.
Grazas tamén a aquelas familias que cerraron etapas educativas comigo: a gran parte das súas vidas! Formar parte dese camiño desde a infancia ata a madurez, e incluso a adultez, é un privilexio difícil de explicar e onde moitas veces foi inevitable preocuparse por eles e elas como se preocuparía unha nai. Levo convosco unha historia de afecto e aprendizaxe mutua.
Tampouco esquezo ás familias coas que o camiño non sempre foi sinxelo e non houbo entendemento. As cales non as souben entender ou elas non entenderon as miñas intencións. Todo, absolutamente todo, fíxose desde o corazón, sempre con boa intención e coa conciencia tranquila.
Grazas ás profesionais que deixaron pegada na Escoliña, ás asociacións coas que colaboramos, aos colexios que creron nos nosos proxectos, a esas persoas ás que enredei coas miñas tolemias E, sobre todo, grazas a Cristina, por ser parte deste soño e camiñar comigo a pesar de todo porque sen ela á Escoliña faltaríalle algo.
Rus será sempre a miña identidade. Pero hoxe Carballo convertiuse nun lugar hostil para emprender. A especulación urbanística e os prezos imposibles -á altura das grandes cidades- fan que proxectos como o noso, pensados para ser accesibles a todas as familias, se volvan inviables. A miña intención sempre foi que a educación non fose un luxo, senón un dereito.
Agora tócame descansar. Volver a min. Volver a atoparme e reconciliarme comigo mesmo. Retomar proxectos postergados e buscar novos camiños. Confío en que nos volveremos atopar. E desexo, con toda a alma, que nunca máis sexa preciso abrir unha academia. Porque iso querería dicir que, por fin, a educación pública dá respostas reais, humanas e efectivas a todo o alumnado. Oxalá.
Pídovos que defendades a escola pública e a escola do rural, esa escola feita dende o corazón e que se está a perder. Apostade polas mestras e mestres. Confiade nelas. Elas son as profesionais. Non vós, as familias. Non o esquezades. Loitade por unha educación pública forte e digna fronte a quen pretende desmantelala cada curso, cada día.
Este non é un adeus calquera. É unha despedida que doe, pero tamén está chea de gratitude. Porque a Escoliña foi moito máis que unha aula: foi semente, foi amor, foi encontro. E as sementes, mesmo cando semellan morrer, agroman de novo... noutro tempo, noutro lugar, doutra maneira.
Grazas por todo. Grazas por acompañarme. Grazas por térmonos atopado no camiño.
Con todo o meu amor,
Ricardo