05/06/2024
Esta semana avalíanse das probas da ABAU os estudiantes que acadaron o seu título de bacharelato. No 2024 máis de 13.000 mozos e mozas matriculáronse para estas probas, destes, 452 persoas requiren necesidades específicas de apoio educativo, e deses catrocentos, soamente 15 persoas en toda Galicia realizan os seus exames nun centro destinado para estudiantes con necesidades específicas ou discapacidade superior ao 65%.
Entre esas quince persoas atopábase a nosa Noa, demostrando, como o leva facendo desde o seu diagnóstico con 17 meses, que as etiquetas pouco teñen que ver con todo o que o esforzo e a dedicación poden conseguir.
Ter unha diversidade funcional e conseguir o título de bacharelato, non é doado. Ter unha diversidade funcional e participar nas probas da ABAU, tendo que desprazarte ata Pontevedra e modificar todas as túas rutinas (todos os que nos movemos nun mundo neurodiverso sabemos o que isto implica) é moi complicado.
E aquí estamos... Hoxe Noa animaba aos seus compañeiros e compañeiras que, de seguro, irán noutros anos. Nos seus ollos puidemos ver a satisfacción da recompensa dun traballo duro, que tantas veces se lles nega as persoas con diversidade. Pero tamén a emoción polos novos tempos, coñecedora do paso de xigante que acaba de dar.
Desde DISMACOR non podemos máis que dar a noraboa tanto a Noa como a súa nai e irmá, por todo o que significa chegar ata este peldaño no camiño. Lonxe quedan esas xornadas interminables acabando traballos que quedaran esquecidos ou revisando a maldita aula virtual... Gracias por deixarnos formar parte destes momentos e por compartir os vosos nervios e a vosa alegría con nós.
Noa, ábrese ante ti unha nova etapa de posibilidades na que, de seguro, seguirás demostrándolle ao mundo que os límites inventáronse para ser destruidos.