25/08/2026
As recentes declaracións da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, afirmando que «hai que encorar máis auga» porque a dos nosos ríos curtos «acaba no mar», supoñen unha perigosa fuxida cara adiante. Porque, baixo da coiraza dun falso pragmatismo técnico estas verbas amosan unha profunda submisión política. Fronte ao relato oficial que instrumentaliza a seca para rehabilitar a vella política do formigón, urxe erguer unha crítica fundamentada nos datos hidrolóxicos, ecolóxicos e xeográficos que esfarelan, punto por punto, o vello modelo extractivista e asimétrico que segue a sangrar a Galicia.
Desde o punto de vista xeomorfolóxico, a tese do catedrático emérito Juan Ramón Vidal Romaní (USC) é moi clara: a nosa rede fluvial non admite máis macroinfraestruturas reguladoras sen destruír definitivamente o equilibrio ambiental do País. A colonización hidroeléctrica que enchoupa os nosos vales supón xa unha factura inmensa. Cando as eléctricas ceiban bruscamente as augas retidas, o pH ácido resultante altera os ecosistemas fluviais e asola a riqueza marisqueira das rías, verdadeiro motor económico local. O dado é arrepíante: un só encoro como Belesar acumula nunha semana unha cantidade de auga equivalente ao que Vigo consome en seis anos. Velaí que o problema de Galicia nunca fora a capacidade de captación, senón o control, a xestión e o destino do recurso.
Esta asimetría cobra unha dimensión colonial cando analizamos o réxime de explotación. Galicia opera estruturalmente como unha colonia enerxética que exporta electricidade barata mentres atura os custos ecolóxicos da saturación fluvial. Na lexislación vixente, deseñada á medida do centralismo e dos consellos de administración de Madrid, as grandes multinacionais gozan de total impunidade para baleirar encoros nos picos máis altos do mercado por xunto, ignorando o estrés hídrico augas abaixo e, xa que logo. danando substancialmente a produtividade mitícola, acuícola e marisqueira das nosas rías.
A realidade desminte que a única solución sexa inundar máis vales. Segundo os últimos dados oficiais do INE a rede de abastecemento galega perde por avarías e fugas case o 18% de toda a auga que move. A cifra elévase por riba do 20% en boa parte dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Xa que logo, antes de verter máis cemento, a prioridade técnica é auditar as redes locais e investir na modernización de todas as canalizacións municipais obsoletas.
Malia ser certo que laboratorios de referencia como o EPHYSLAB da Universidade de Vigo constatan que o cambio climático está a incrementar a severidade das secas estivais, a resposta política non pode ser perpetuar o espolio. Mentres a macrocelulosa de ENCE-Pontevedra consumiu 10,4 M m3 de auga no 2024 o concello de Pontevedra consumiu no 2025 só 4,026 Mm3. É dicir ENCE está a consumir ... 2,6 veces máis ca o consumo total- doméstico, público e empresarial- do concello!. Mais a conselleira segue ao seu, pondo só o foco en restrinxir o consumo da veciñanza e en estender as presas.
A soberanía hídrica de Galicia no século XXI esixe deixar atrás o colonialismo enerxético. O equilibrio sostíbel require fiscalizar as eléctricas, tapar o burato negro das fugas municipais e tratar a auga como o ben común inalienábel que pertence, por dereito e por historia, á cidadanía galega. Cómpre, xa que logo, esixir un ferreño e inmediato control público ferreño sobre o uso hidroeléctrico, supeditando por lei o negocio privado ás necesidades humanas e do sector primario, baixo a ameaza directa de rescisión de concesións a quen especule coa auga comunitaria