13/04/2025
Alberto Gonzalez-Garcés nos escribe:
"Ante os comentarios de Luisa Llusere quería enviarvos o CV de Miguel González Garcés. Un forte abrazo.
Alberto González-Garcés Santiso"
MGG CV.pdf
285 KiB
Miguel González Garcés.
Naceu na Coruña en xaneiro de 1916 e finou nesta mesma cidade en decembro de 1989.
Foi escritor, fundamentalmente poeta, bibliotecario, investigador, historiador, ensaísta,
articulista e docente.
Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela.
Posteriormente fixo oposicións ao Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos,
e obtivo o número un da súa promoción. Foi destinado inicialmente en Madrid e ao ano
seguinte pediu o traslado á Coruña (“Vivir sen mar, era vivir apenas”, dixo nun poema),
onde pasou a dirixir a Biblioteca Pública do Estado durante os seguintes 40 anos.
Simultaneamente dirixiu o Centro provincial coordinador de Bibliotecas.
Como poeta en galego, destacan Poema ó meu mar, co que obtivo a Rosa de Ouro na
Festa da Cantiga de 1969; Claridade en que a tentas me persigo, que lle valeu o Premio
da Crítica de 1978; e Un nome só na néboa, que foi seleccionado para o Premio
Nacional de Poesía de 1990. O conxunto da súa obra está considerado pola crítica como
unha de las aportacións líricas máis sobranceiras da poética galega contemporánea.
Foi colaborador en diversas publicacións literarias. A súa obra, traducida a varios
idiomas, está presente nas principais antoloxías de poesía galega e española das últimas
décadas, así como nun estudo de The Oxford Companion to Spanish Literature.
Como antólogo publicou dúas pezas fundamentais para a comprensión da poesía do
segundo terzo do século XX: Poesía galega contemporánea, de 1974 e Poesía gallega
de post-guerra 1930-1975, de 1975; amais do libro de 1979 Antoloxía, estudio,
selección e traducción dos poemas en lingua galega de Luis Pimentel e o prólogo e
tradución do libro De catro a catro de Manoel Antonio (1979).
Membro correspondente da Real Academia Galega desde 1957, Miguel González
Garcés foi un home polifacético, grande admirador do Renacemento, que non limitou a
súa actividade a un só aspecto da cultura. As súas amplas lecturas e viaxes por Europa e
América permitíronlle realizar un gran número de traballos xornalísticos, publicados
fundamentalmente en La Voz de Galicia sobre temas de diversa natureza, polos que lle
foi concedido o Premio Fernández Latorre en 1960. Durante o seu derradeiro ano
traballou nunha escolma destes artigos, que quedou inconclusa pola súa morte en 1989.
Unha das súas principais preocupacións foi a transmisión da cultura, na que destacaron
a súa produción xornalística e a docencia de Arte e Literatura no Colexio Academia
Galicia da Coruña, labor que foi premiado co título de colexiado distinguido do Colexio
de Doutores e Licenciados do Distrito Universitario de Santiago. Tamén foi presidente
durante máis de 20 anos da Asociación Cultural Iberoamericana, que organizou durante
as décadas dos 60 e os 70 gran cantidade de conferencias e exposicións.
Pertencía á "Association internationale de la critique littéraire", que lle comportou un
gran prestixio nas Letras francesas, polo que foi recoñecido co título de Cabaleiro da
Orde das Palmas Académicas, galardón francés concedido polos eminentes servizos
prestados en prol da educación e o espallamento da cultura francesa fóra do país.
2
Grande investigador da súa cidade natal, é autor de ensaios sobre distintos aspectos da
historia da Coruña, entre os que destacan os traballos sobre a Torre de Hércules, os
nomes das rúas da Cidade Vella e as especies dos xardíns da cidade. Publicou en 1987
un estudo histórico monumental, Historia de La Coruña, así como María Pita, símbolo
de la libertad de La Coruña, en 1989, coincidindo co cuarto centenario da he***na.
Segundo Basilio Losada, Miguel González Garcés escribía poesía non para recitar,
senón para ler desde moi adentro, e dicíalle por carta en 1984: "eu, nestes libros últimos
teus, a partir concretamente de Claridade, vexo en ti un dos poetas máis sólidos e
importantes da Galicia de hoxe e de sempre. Unha voz segura, cunha técnica
refinadísima, cunha cultura –unha masa de experiencias de lector– que se transparenta
verso a verso, sen pedanterías nin culturalismos impertinentes".
O poeta coruñés finaba xusto o día da presentación da súa derradeira obra, Un nome só
na néboa, o libro "máis radicalmente sentido de todos os de Garcés" en palabras de
Xulio L. Valcárcel, unha das persoas que interviñeron naquel acto. Falecía o "mineiro
de luz", como o quixo retratar para a posteridade, cun verso do propio Garcés, Antón
Avilés de Taramancos.
Bailada dos Anxos, o seu primeiro poemario en galego, saíu á luz na colección Salnés
de Galaxia en 1961. Todos os que lle seguiron manterían en certa maneira unha
continuidade característica, xulgaba Francisco Fernández del Riego na súa achega
a Homenaxe a Miguel González Garcés. Aínda que con enfoques distintos, Poemas ó
meu mar (1969), Poemas a Albertiño (1970), Claridade en que a tentas me
persigo (1977) e Sede e luz (1986) reflicten a peculiaridade do seu acento, advertía o
académico. "Illándose do mundo realista, encabalga o sanguento interior da súa alma,
aquecendo a flor e o espiño nas sombras da súa espera", retrataba Fernández del Riego.
Nas faíscas do soño (1972) é outro das súas obras destacadas, e nela "a creación
simbolista chega a alcanzar unha embriaguez irracional e visionaria", engadía no
mesmo libro de homenaxe a poeta e tamén académica Luz Pozo Garza. O máis
interesante desta obra polo que respecta ao mundo seu poético, e que abre paso aos
seguintes poemarios, é a aparición do ti nos poemas, "a segunda persoa á que o eu se
refire continua e inevitablemente", salienta pola súa banda Xulio L. Valcárcel na
antoloxía de Garcés que editou para Espiral Maior en 1998.
Miguel González Garcés publicou tamén dúas importantes achegas para a comprensión
da poesía galega do segundo terzo do século XX: Poesía gallega contemporánea (1974)
e Poesía gallega de postguerra (1939-1975). Súa é tamén a Antoloxía, estudio,
selección e traducción dos poemas en lingua galega de Luis Pimentel, o prólogo e a
tradución do libro de Manuel Antonio De catro a catro ou a Escolma de poemas de
Aquilino Iglesias Alvariño.
Como homenaxe á súa figura, a Deputación da Coruña instituíu en 1991 o Premio de
Poesía Miguel González Garcés.
3
Libros en galego de Miguel González Garcés
Poesía:
Bailada dos anxos, 1961.
Poema ó meu mar, 1969. (Premio Rosa de Ouro).
Poemas a Albertiño, 1970. Grial.
Nas faíscas do soño, 1972 .
Paso soa de luz, 1975.
Claridade en que a tentas me persigo, 1977. (Premio da crítica de poesía galega).
Sede e luz, 1986.
Un nome só na néboa, 1987.
Antoloxías:
Poesía gallega contemporánea, 1974.
Poesía gallega de postguerra (1939-1975), 1975.
Antoloxía. Luis Pimentel. 1979. Estudio, selección e tradución de Miguel González
Garcés.
Escolma de poemas de Aquilino Iglesia Alvariño. 1986. Introdución e escolma de
poemas de Miguel González Garcés. Edita Xunta de Galicia. Consellería de
Presidencia.
Tradución/Versión
Rubaiyat. Omar Khayyam. 1992. Versión de Miguel González Garcés.
4
Escolmas de poemas de Miguel González Garcés
Echi di Finisterre. Antologia di poeti gallegos. 1963. Vicenzo Josia. Inclúe unha
selección de poemas de Miguel González Garcés.
Miguel González Garcés. Poesía galega. 1998. De Xulio López Valcárcel.
Miguel González Garcés. Poesía. 1998. Edición de Luciano Rodríguez.
Porta de aire. Escolma poética. 2005. (Selección de poemas por Xulio Valcárcel) A
Nosa Terra.
Estudo sobre a súa vida e obra.
Miguel González Garcés, mineiro de luz. 2009. De Xulio López Valcárcel.
Homenaxes:
Homenaxe a Miguel González Garcés. 1991. Editores: Lino Braxe, Xavier Seoane,
Xulio López Valcárcel. Deputación de A Coruña.
Homenaxe a Miguel González Garcés. 1993. Editora: Luz Pozo Garza. Nordés.
Unha flor de esperanza. Acto literario en lembranza de Miguel González Garcés.
2014. Editores: Francisco X. Fernández Naval e Alberto González-Garcés Santiso.
Libro catalogo da exposición no Kiosco Alfonso no 2003.
Miguel González Garcés. O home. O libro. A palabra. A imaxe. 2003. Editado polo
Concello de A Coruña. Comisario, Luciano Rodríguez.
Honores:
Orde civil de Alfonso X o Sabio coa categoría de “Encomenda”.
Ordre des Palmes Académiques de Francia.
Premio Fernández Latorre.
Fillo adoptivo de Culleredo.
Rúas dedicadas que levan o seu nome en:
A Coruña.
Culleredo.
Cambre.
Bibliotecas Públicas co seu nome en:
Biblioteca Pública da Coruña.
Biblioteca Municipal de Culleredo