CEIDA - Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia

CEIDA - Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia

Compartir

http://www.ceida.org [email protected] Telf. 981630618 Fax 981614443

24/08/2026

Chegan as “I Veladas Pajareras de Estaca de Bares”!

Interrompemos a nosa pausa estival para informarvos das interesantes charlas paxareiras que terán lugar as vindeiras semanas en Estaca de Bares.

Estas veladas enmárcanse no proxecto que desenvolvemos xunto co concello de e SEO/BirdLife, para o seguimento científico do paso migratorio por esta paraxe, a súa promoción e divulgación.

Ao longo de dúas semanas poderemos disfrutar de proveitosas e distendidas charlas dalgúns dos ornitólogos e ornitólogas que visitarán a Estaca, convertida nesta época no epicentro do seguimento de aves mariñas a escala galega, estatal e europea.

📍 Lugar: Local da Sociedade Cultural e Recreativa Vila de Bares
📅 Datas: Do 26 de agosto ao 4 de setembro
🕛 Hora: 22:30h

Omix Mañón destacados

Photos from CEIDA - Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia's post 29/07/2026

Seguimos presentando o proxecto "Restaurando Territorios: capacitación para unha transición xusta" en diferentes espazos de encontro co ámbito ambiental.

Fai uns días estivemos no IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, da Universidade de Santiago de Compostela, compartindo os obxectivos desta iniciativa e dando a coñecer as oportunidades formativas que ofreceremos nos próximos meses.

📢 Lembrade que a partir de setembro comezaremos a anunciar as primeiras actividades formativas, centradas en cuestións como:

🌿 Infraestrutura verde e renaturalización urbana.
🌿 Conservación da biodiversidade e xestión de espazos naturais protexidos.
🌿 Ferramentas profesionais para a planificación e xestión ambiental, como os Sistemas de Información Xeográfica (SIX).
🌿 Intercambio de coñecemento e colaboración entre profesionais.

'Restaurando Territorios' está coordinado polo CEIDA no marco do programa Empleaverde+ da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), e cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

destacados

28/07/2026

A recomendación desta semana non ven en forma de libro, senón de algo aparentemente máis lixeiro. Unha lectura fresca e inspiradora para este verán que convida a seguir explorando as relacións entre natureza, territorio e palabras.

O último número de Ballena Blanca lánzanos esta pregunta: interesa a literatura de natureza? Unha cuestión que nos convida a percorrer un xénero en auxe, que medra con forza e que hoxe ten tres veces máis presenza que hai cinco anos.

Nas súas páxinas atoparemos un percorrido por este xénero da man de Luci Romero, entrevistas con autores referentes como Julio Llamazares, Andreu Escrivà ou Javier Morales, e reportaxes que exploran os vínculos entre literatura, territorio e mundo rural coas voces de Gabi Martínez ou Vanesa Freixa.

Unha revista para ler amodo, descubrir novas perspectivas e deixarnos levar por historias nas que a natureza non é só escenario, senón protagonista.

📖 Este verán, empápate de verde! Atoparás este número especial na sección de novidades da nosa biblioteca!

27/07/2026

Participamos no I Foro sobre Sustentabilidade, Deporte & Empresa de As Pontes!

Esta semana, no marco da celebración do I Foro sobre Sustentabilidade, Deporte & Empresa do Beach Rugby Vila das Pontes, o equipo educativo do CEIDA levará a cabo unha ruta guiada polo Lago das Pontes para descubrir a historia, a biodiversidade e o valor ambiental deste espazo singular.

Durante a ruta coñeceremos as especies e hábitats máis representativas da contorna, afondaremos na transformación desta antiga explotación mineira nun espazo natural de referencia e realizaremos unha recollida simbólica de lixo, como xesto de compromiso co coidado do territorio.

Esta actividade, dirixida especialmente ás nenas e nenos do Concello de As Pontes e aberta tamén ás persoas adultas que desexen participar, busca fomentar o respecto polo medio ambiente, a implicación cidadá e o coñecemento dun espazo que forma parte da identidade pontesa.

✅ Actividade gratuíta e sen necesidade de inscrición previa.
📍 Lago das Pontes
🗓️ 31 de xullo
🕚 11:00 h

A ruta desenvolverase no marco do programa "Para unha Transición Ecolóxica", financiado pola Deputación da Coruña.

destacados

24/07/2026

🌞 Construímos unha forma diferente de mirar o ceo

Esta semana achegámonos ao eclipse solar desde a curiosidade, a creatividade e a experimentación coa actividade familiar 'Constrúe a túa propia cámara escura'.

Pequenas e grandes mans encheron a nosa biblioteca verde para dar forma a unha ferramenta sinxela pero fascinante: unha caixa escura para comprender como viaxa a luz e descubrir, dun xeito práctico, os segredos do Sol e dos eclipses.

Agora que chegue pronto o 12 de agosto, que no CEIDA xa estamos preparados!

Grazas a todas as familias que participaron nesta viaxe de descubrimento! 💚

Photos from CEIDA - Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia's post 21/07/2026

🌱 Presentamos o proxecto “Restaurando Territorios” nunha xornada sobre agricultura rexenerativa e xestión sostible do territorio

Hai uns días participamos na Xornada de Transferencia 2026 “Xestión de cubertas vexetais en fincas rexenerativas”, organizada pola Fundación Juana de Vega, un encontro para compartir experiencias e coñecementos arredor de prácticas agrícolas máis sostibles e resilientes.

Aproveitando este espazo de aprendizaxe e intercambio, desde o CEIDA presentamos ás persoas asistentes o proxecto “Restaurando Territorios: capacitación para unha transición xusta”, a iniciativa que puxemos en marcha este ano co obxectivo de impulsar a formación especializada e mellorar as capacidades profesionais vinculadas á restauración ambiental e á transición ecolóxica.

A partir de agosto comezaremos a anunciar as primeiras actividades relacionadas con estas cuestións clave:

🌿 a infraestrutura verde e a renaturalización urbana.
🌿 a xestión de espazos naturais protexidos e a conservación da biodiversidade.
🌿 o coñecemento e manexo de ferramentas profesionais para a planificación e xestión ambiental, como os Sistemas de Información Xeográfica (SIX).
🌿 a creación de redes de colaboración e intercambio de coñecemento entre profesionais.

'Restaurando Territorios' está coordinado polo CEIDA no marco do programa Empleaverde+ da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

destacados

Photos from CEIDA - Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia's post 16/07/2026

🐦 Rematamos con éxito a sexta campaña de anelamento científico de corvo mariño cristado no Golfo Ártabro, unha iniciativa que desenvolvemos en colaboración coa Autoridad Portuaria de A Coruña

Nestes días, todos os polos anelados nos seus niños cando apenas tiñan uns días de vida xa medraron e están dando os seus primeiros mergullos e aprendendo a pescar nestas augas, que agardamos sexa o seu fogar durante moitos anos.

Entre as fotografías podedes ver a 52X, un exemplar nacido hai tres anos dentro deste programa e que segue facendo vida no Golfo Ártabro. Este ano, ademais, criou por primeira vez! Un magnífico exemplo do valor que ten o seguimento a longo prazo para coñecer e conservar esta especie.

O anelamento científico permítenos coñecer mellor as poboacións de corvo mariño cristado e obter información de gran valor sobre a súa bioloxía e conservación: onde crían, como evolucionan, por onde se moven ou cal é a súa lonxevidade. Moitos destes datos conséguense tamén grazas ás observacións de persoas que visitan a costa e comunican a lectura das anelas. Ademais, trátase dunha técnica segura, que non ten impacto sobre o desenvolvemento dos polos.

👀 Se vedes algún corvo mariño cristado cunha anela amarela na pata, fixádevos no seu código. Cada observación conta e axúdanos a coñecer un pouco mellor a historia destas aves.

destacados

15/07/2026

🌞 Debido á gran acollida que está a ter o noso obradoiro familiar sobre o eclipse solar... abrimos unha nova sesión!

“Constrúe a túa propia cámara escura: obradoiro familiar sobre o eclipse solar” é unha actividade divulgativa e práctica na que as familias poderán coñecer mellor este fenómeno astronómico e prepararse para observalo de forma segura.

Dirixido a familias con nenos e nenas de entre 6 e 11 anos, o obradoiro inclúe unha introdución aos eclipses solares, explicacións sobre como se producen, por que un eclipse total é un acontecemento excepcional e recomendacións para a súa observación.

Na parte práctica, cada familia construirá a súa propia cámara escura, un sinxelo dispositivo de proxección que poderá levar para casa e utilizar para observar o eclipse do vindeiro 12 de agosto.

📅 Tres sesións con contido idéntico:
📍 Martes 21 de xullo, ás 11.00 h
📍 Mércores 22 de xullo, ás 12.00 h
🆕 📍 Xoves 23 de xullo, ás 11.00 h

📌 Antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora (Biblioteca Verde)

As inscricións están a chegar moi rápido e xa quedan poucas prazas. Se queredes asistir a calquera das tres sesións, recomendámosvos facer a inscrición canto antes.

Máis información e inscricións 👇
https://ceida.org/gl/formacion-gl/construe-a-tua-propia-camara-escura-obradoiro-familiar-sobre-o-eclipse-solar

destacados

¿Quieres que tu escuela/facultad sea el Escuela/facultad mas cotizado en S/N?

Haga clic aquí para reclamar su Entrada Patrocinada.

Localización

S/N

Categoría

Página web

Dirección

Castelo De Santa Cruz
S/N
15179